lunes, 15 de octubre de 2012

Carta dun afeccionado. Datos de interese para coñecer un pouco mais á FGF

Prezado Sr. Soto:

O presente escrito non ten maior trascendencia que a curiosidade dos datos que lle vou relatar, e todos eles relativos a como colaborou a Delegación do Fútbol de Ourense nas eleccións no Presidente da Federación Galega de Fútbol, cando foi electo o Sr. Liñares, colaboracións que supoño tamén se deron noutras delegacións.

Verá, a provincia de Ourense aporta 17 votos para elixir ao Presidente da F.G.F., repartidos da seguinte forma: 12 votos polos clubs; 3 votos polos xogadores; 1 voto polos árbitros e 1 voto polos adestradores.

Na documentación que lle achego, noutros arquivos words, están como son os representantes de Ourense. Esta documentación foi sacada da páxina web da F.G.F., xa sabe:
www.futgal.com, no período que se estaban a celebrar as eleccións; constan en arquivos pdf, máis eu o que fixen foi copiar e pegar para word. Se quere envíolle os arquivos en pdf, mais penso que non ten maior importancia.

Como ben sabe, primeiro elíxense os representantes que van ir a asemblea xeral por delegacións (en Galicia son 7 as delegacións) e despois nesta os 150 representantes elixen ao Presidente. Este xa é o primeiro fallo do sistema, visto dende o punto de vista democrático: o voto é censitario, non directo. Elíxese a uns e despois estes elixen a quen queren. Ben, o sistema é ese e dende as federacións ninguén o quere cambiar porque o que controla a federación correspondente, controla as eleccións.

Nesta primeiras eleccións hai unha particularidade, se se presentan os mesmos candidatos que prazas hai, non fai falta votar, como ocorreu en Ourense; só se presentaron un candidato por cada praza e por iso non se necesitou ir votar. Cada un que se presentou, en total 16, porque o Barbadás C.F. é membro nato por estar entre os 5 clubs que máis fichas teñen de Galicia, saíu elixido automaticamente sen necesidade de votar. Dato curioso, en Ourense eu non acordo na súa historia que se votara; sempre se presentaba un por praza é automaticamente era proclamado membro da asemblea.

Vostede viu algún anuncio na prensa ou nos medios de comunicación invitando a participar nas eleccións e explicando quen teñen dereito a votar e cómo? Non, e sabe por qué? Porque non lles interesa que vaian votar. Faime graza coma a moita xente do mundo do fútbol que levan unha morea de anos, cando lles explicas que podían ir votar non o sabían, nin sabían que había eleccións a Presidente da F.G.G. Pero o método é ese, se o coñeces ben e se non, é o mesmo.

O ínclito, Sr. Cachaldora,
  é Delegado da Federación Galega de Fútbol en Ourense dende o ano 1990 ¡¡ Xa choveu!! Pero xa estaba antes de segundo de Paco Paz, que era o Delegado-Presidente, creo, aquí a data e aproximada, dende 1978, e entrou de Delegado na súa sustitución, debido ao falecemento deste en accidente de tráfico o 21-4-1990. Por certo, no accidente ían os dous no coche, o Sr. Cachaldora e Paco Paz. Xa ve, 34 anos na Delegación da F.G.F. en Ourense, 22 como presidente ou delegado, casi ná, coma din os andaluces.

Pois ben, o Sr. Cachaldora, é quen controla eses 17 votos, ben hai que dicilo nestas últimas eleccións apoiado por Plácido Díaz, actual Vicepresidente 1º da F.G.F. e que levaba ata o ano 2011, que lle deron este cargo, como fundador, máximo accionista e presidente do Ponte Ourense C.F., aínda que ás veces sempre lle pode fallar algún que non segue as súas consignas. O Ponte Ourense fundouno no 1977, é dicir levaba 33 anos como Presidente.

Verá como se esparexa este control. Dos doce clubs, cos cales xa trata el de que se presenten, é el quen buscou os que son colegas e que se teñen que presentar. Normalmente, por arre ou por xo, todos os clubs da provincia ou os seus presidentes, están vencellados dalgunha forma ao PP, polo cal e máis fácil o seu control.

Chegou a desvergonza, e tamén hai que dicilo falta de clase e elegancia, en iso non foi moi listo, de que cando xa estaban todos os representantes dos clubs proclamados, de ir el coma representante do C.D.C. Santa Teresita. Coma o fixo? Nada, esperou a que saísen os elixidos proclamados e publicados os seus nomes, tal como figuran nos arquivos, e despois de acordo co Sr. Pico García, darse este de baixa e el de alta e ir votar a Santiago o día da Asemblea Xeral, así non saía o seu nome nos papeis. Se se fixa no outro arquivo word, verá que tiven a paciencia de preguntarlle nun chat que celebrou o xornal “La Opinión” ao Sr. Liñares en directo, e así o recoñeceu na súa resposta. Ademais, é fácil de comprobar na acta da Asemblea Xeral, porque así ten que figurar como asembleísta. Despois de votar, volveuse dar de baixa, e o outro, o Sr. Pico García, darse de alta como Presidente do CDC Santa Teresita.

Dos tres representantes de xogadores, un, Camilo Manuel Díaz Fernández, é o fillo de Plácido Díaz, o actual Vicepresidente da FGF; e o outro, Miguel López Lorenzo, é o xenro do Sr. Cachaldora. O terceiro, Javier Ferrez Sierra, é xogador do C.D. Rúa, club que tamén foi a votar; sei que o puxo ou controlou o Cachaldora, mais non sei cal foi a relación.

O representante do Club Cidade de Ourense, foi Enátali Fernández Guerra que pertence tamén ao organigrama do Ponte Ourense C.F. Na realidade o Cidade de Ourense é un filial do Ponte Ourense. É fácil de comprobar se pon este nome en google e dálle ao busca. Esta rapaza sempre foi un dos cargos de confianza de Plácido Díaz no mundo do fútbol.

O representante dos adestradores, Carlos Álvarez Méndez, era o adestrador do Ponte Ourense C.F. Inda o segue sendo na actualidade.

Pero, ademais, como as xogadoras de fútbol sala feminino era circunscripción única, tamén puxo a unha xogadora do Ponte Ourense FSF, Jessica Diéguez Fernández, que inda é hoxe xogadora en activo do Ponte FSF. Con esta, como mínimo, podía chegar ao control dos 18 votos.

O que foi árbitro de 1ª, Bernardino González Vázquez, estivo a punto de presentar a súa candidatura a presidencia da FGF, e andou tanteando os posibles apoios. El di que retirou a súa candidatura porque se lle volveu atrás o Delegado de Vigo (con seguridade xa non me acordo se Vigo ou Pontevedra), e tamén supoño que contaba con Ourense, pois nesta provincia todo está controlado. Eu penso que a realidade foi que cando veu o Presidente da FEF a Santiago, o Sr. Villar, a apoiar a Julio Meana, que era o seu candidato, debeulle dar un toque pois estábase xogando o ser informador arbitral da UEFA e seguir como informador arbitral en España; hoxe é as dúas cousas, daquí as miñas deducións. Tamén é concelleiro do PP no concello de Ourense, e “aprobou” unhas oposicións da Deputación de Ourense (xa sabe, unha baltarallada), e despois nombrouno o Baltarín, cargo de confianza na Deputación con un bo soldo. Coido que foi o único voto de Ourense que non levou o Sr. Liñares. Bernardino González Vázquez é o clásico “independente dispoñible”, se hai algo, el vai; se non hai algo, el non vai. Presume de que cando entrou na política local, últimas eleccións municipais do 2011, estivéronlle facendo as beiras varios partidos políticos, o cal só é unha desculpa, proba delo é o seu actual “traballo polo fociño” na Deputación. Daquí que se deduce claramente que se lle fixeran falta os votos de Ourense ao ser candidato, con que o Sr. Baltar lle dera un toque ao Sr. Cachaldora non habería problema.

A mediados do 2010, na empresa do Sr. Cachaldora, na cal el traballaba como autónomo, fixo un ERE e tívose que ir ao paro. Entón o Presidente do Ponte, Sr. Díaz, meteuno na Fundación Oira a traballar. Esta fundación é un paripé que montou hai anos o presidente do Ponte Ourense é que nunca se acorda que participase en algo, agás cando o Sr. Cachaldora estivo traballando para ela. Nela levaba todo o papeleo do Ponte Ourense ao mesmo tempo que era Delegado da FGF na cidade. Cobraba dunha subvención que argallaron co Sr. Baltar, Presidente da Deputación; durou pouco, pois coa chegada da crise tivo que volver ao paro. Todo Ourense relacionado co fútbol o sabía, porén, pode comprobalo no arquivo word no que se ve a publicación deste dato na páxina de Pepe Morales, o blog de barbadas futbol base.

Todo isto que lle conto a que é curioso? Non é que teña unha gran importancia, pero é un reflexo do que é esta terra e este país. Así nos vai.

Sabe, como dicimos en Ourense cando o Sr. Liñares gañou a Presidencia, ¡¡Por fin, Plácido Díaz vai darse de alta na Seguridade Social!! É unha ironía, pero é. Cobrar, cobra. Como? Pois supoño que en dietas coma todos, así non ten que facer declaración de IRPF e iralle mellor. Podía dicirlle algunhas caralladas das que el leva feito, pero iso xa sería outro tema.

Siga coas súas investigacións e adiante. O mundo non o daremos arranxado, porque a natureza humana é a que é, e sempre haberá caralladas coma estas, pero cando os oímos ouvear e pórse avermellados a verdade é que un pásao ben e gozamos un chisco: algo, sempre é algo.

Un saúdo.

 

 

No hay comentarios: